06/08/09

[análise] tu blog paso a paso

as vacacións de verán, ademáis de para descansar, serven para tomar con calma algunhas cousas que o merecen, como é a lectura. confeso que nos últimos meses as miñas lecturas teñen algunha relación co ámbito da publicidade e internet, pero tamén estou aberto á literatura convencional. as arañas tamén podemos ser cultas, non?

Tu blog paso a paso, de Eva Sanagustín, chegou ás miñas mans grazas a unha promoción de Bloguzz. dediqueille o tempo necesario, e incluso fixen relecturas para ter unha opinión bastante fiable ao respecto

o deseño do libro pareceume moi acertado. estética clara, a dúas tintas, fonte san serif moi lexible e ao tamaño axeitado, táboas para entender mellor os contidos, aclaracións a pé de páxina, maquetación simple pero coidada... a única pega que poñería neste apartado sería a portada, posto que emprega un símbolo que só recoñecerían as persoas introducidas no tema dos blogs con antelación, o símbolo das sementes rss. non se supón que o lector ten poucas nocións do tema? persoalmente, e en tono gracioso, eu escollería unha portada coma a dos libros para dummies estadounidenses

os contidos son os xustos e necesarios. non se profundiza na elaboración nin en contidos técnicos tanto como me gustaría, pero si que se dan pautas e lugares de información complementaria para axudar no proceso. comprendo que o tema é suficientemente extenso como para abarcalo nun libro tan pequeniño. neste aspecto si que botaría en falta no último bloque falar un pouco máis sobre twitter e os tumblrs, tan á orde do día

libro recomendable para inexpertos, ou interesados na materia. sinxelo de ler, con moita información para comezar e coas guías básicas da publicación nun blog que me gustaría ter cando comecei neste mundo

información ampliada e ligazóns | Tu blog paso a paso [tumblr]

08/07/09

[sintonía] a canción do verán

vacacións de verán son sinónimo de traballo para a industria discográfica. festivais, concertos e verbenas son o que identifican á época estival. o verán é a estación da festa, segundo os humanos.

e comezan a aparecer as primeiras manifestacións da plaga de cancións do verán que nos espera este ano. hoxe só vos traio dúas.
a canción dos Spamboys ten moito que ver coa publicidade e coas redes sociais, posto que fala dos seus 'hobbies', entre os que podemos atopar 'enviar mails y powerpoints de gatitos', 'chatear en Nochebuena' ou 'ponerte verde en tu muro'.


a aposta de Brody é un pouco máis p0rnogeek, con frases tan informáticas á vez que pegadizas como 'tócame el Windows', 'yo soy el disco duro del amor' ou 'tu antivirus es vulgar'.


e como dixo o gran King África: "A BAILARRRRRRR!"

25/05/09

[arañeiras] de odios, malos rollos, etc.


todo o mundo sabe que aos inimigos hai que telos máis pegados aínda que aos propios amigos. en tódolos sitios, incluso nas redes sociais. por iso, humanos rancorosos, hoxe a araña fálavos de redes sociais [aka arañeiras] adicadas en exclusiva á manifestación de odio contra outras persoas, sexan anónimas ou famosas. grazas Jaime por pasarme este interesante artigo.

podemos diferenzar dous tipos de aplicacións: as redes sociais propiamente ditas ou as aplicacións que se engaden a unha determinada rede social para outorgarlle novas funcionalidades. así, na primeira categoría atopamos a ifuckinghateyou, con cinco anos de existencia e perto de 8000 perfiles. os amigos en ifhy só se poden agregar tendo un mínimo común de persoas odiadas, a diferenza que nas redes sociais 'convencionais'. neste apartado tamén se atopa myfrienemies, con características semellantes á anterior, pero que promete ademáis manter o anonimato do usuario.

como engadido para facebook destaca enemybook, unha aplicación que permite agregar inimigos e ver os inimigos de tódolos contactos. intégrase á perfección tanto co perfil, creando listas de inimigos, como co aspecto da rede social, sendo moi sinxelo de manexar.