17/3/09

[made in Galiza] blogaliza


teño que recoñecer que son unha araña patria. que se lle vai facer! teño un certo cariño especial polos produtos autóctonos: a herba verde galega está deliciosa, e que dicir dos bechos galegos! ai omá que ricos!

no resto do mundo coñecen Galiza polo queixo de tetilla, a tenreira galega, os percebes... pero... temos algún produto dixital de interese?! por suposto! a rede galega está en continua expansión, pero son moitos os proxectos galegos que están a inundar a rede.

hoxe tócalle o turno á blogaliza, que máis que unha rede social propiamente dita é un servizo de aloxamento de blogs. en torno aos blogs, especialmente nos galegos, créase unha gran comunidade [si, aquí xa comezamos coas arañeiras]. a comunidade galega de blogs, agrupada en torno á blogaliza, recibe un nome propio: o blogmillo.

blogaliza aparece en xaneiro de 2003 como un directorio de blogs en galego con canle de IRC e lista de correo. non foi ata o 2006 cando comezou a ofrecer servizos de aloxamento de blogs e facerse máis coñecida. algúns, como Berto Yáñez, sosteñen que o blogmillo naceu trala crise do prestige e sitúan a data da explosión de usuarios no 2005, debido ás eleccións que levaron ao cambio no goberno galego.

fonte de datos | O uso de Internet nas redes sociais de Galiza, por Berto Yáñez e María Yáñez

16/3/09

[arañeiras] twitter


poñámonos en situación. se hai unha práctica extendida entre os humanos esa é a de enviar mensaxes vía móbil nun reducido espazo de 160 caracteres. consistente niso [máis ou menos], pero con vinte caracteres menos e na internet, atopamos twitter

a vida dunha araña é tan monótona que non me merece a pena abrir unha conta, porque seguro que a vós non vos interesa o número de arañeiras que fago, ou cantos ovos poño...

aínda que a simple vista pareza unha intromisión dentro da vida privada das persoas, non é tal. o usuario cóntalle ao mundo o que quere cando quere empregando a propia web ou os centos de programas creados por internautas de todo o mundo. o seu funcionamento explícase perfectamente no seguinte video:



pero tamén hai aplicacións máis alá de contar o que se está facendo no momento no que se twittea. medios electrónicos tamén teñen a súa conta para dar a coñecer os titulares que están na súa web [elpaís], algúns personaxes de programas de televisión tamén teñen a súa conta para actuar cos televidentes [enjuto mojamuto], así como os programas [sé lo que hicisteis] e as propias canles [lasexta]. algúns usuarios tamén o empregan para controlar o tempo que lle dedican a algunhas tarefas e para levar a cabo os seus proxectos seguindo o método GTD como explican nalgunhas webs. os famosos tamén se apuntan ao microblogging para levar a cabo as súas campañas publicitarias e achegarse ao público [britney spears, al gore], e non están exentos de escándalos, porque incluso a algúns lles hackean as contas.


8/3/09

[arañeiras] os blogs, ou como se diga


diferentes nomes [blogs ou bitácoras], diferentes pronuncias e formas de escribir unha mesma palabra segundo a lingua [blogue, bló, blog] e confusións con palabras semellantes como bloc. unha rede social moi complicada para nós as arañas.

mesmos fios pero diferentes tecidos, que diríamos nós. a cuestión está en escribir, de miles de formas e con idas de olla para tódolos gustos sobre calquera tema. os blogs persoais abundan, pero hainos de practicamente calquera cousa, incluso blogs de blogs como o da miña amiga Rachel. logo están os comerciais, nos que unha serie de escritores cobran unha certa cantidade mensual segundo o número de post que escriben sobre un tema determinado. a empresa española WeblogsSL xestiona máis de trinta blogs con diferentes temáticas que van desde apple ata a música pasando pola televisión.

e no ámbito que lles ocupa aos meus queridos homo sapiens sapiens publicitarios, os blogs tamén se poden empregar como estratexia de comunicación publicitaria. O blog dun hotel, creado por unha compañía para dar a coñecer un dos seus novos hotéis contando día a día a súa construción e ofrecéndolles aos seus lectores ofertas e descontos pode ser un bo exemplo. Tamén vodafone, como sinala a miña compañeira Merce, empregou nunha das súas últimas campañas un blog para dar a coñecer toda a acción publicitaria.

e esta araña que vos fala non lles deixa de botar ollo a varios blogs, entre os que se atopan os que vos sinalo abaixo, ademáis dos dos publicitarios da xeración OMB!

en error500 Antonio Ortiz, co-fundador de WeblogsSL, fálanos de redes sociais desde un punto de vista tecnolóxico e empresarial. nesta bitácora, cun coidado deseño en sintonía co resto de blogs da súa rede comercial, chama a atención a substitución do blogroll polos compartidos do autor en Google Reader. a comunidade do blog está chea de blogueiros hispanos que se concentran nas entradas que axudan a mellorar a experiencia do usuario nas redes, como na entrada de Gmail na empresa. o top de bitácoras.com sitúao no número 10 en importancia na rede hispana.

a bitácora persoal de Rosa Jiménez Cano, responsable de redes sociais de ElPaís.com e autora de La Gran Guía de los Blogs 2008, está chea de apuntes e novas que vai atopando pola rede sobre as redes sociais máis importantes. entre as entradas estritamente persoais, nunha plantilla por defecto de WordPress tuneada cuns cantos widgets atopamos un gran blogroll ordenado por categorías [amigos, xornalistas, techies...]. no top hispano aparece no posto 55.

eCuaderno é unha bitácora xestionada por José Luis Orihuela, profesor da Universidade de Navarra e autor do libro La Revolución de los Blogs, sobre medios e rede que emprega tamén unha plantilla básica de WordPress para informar sobre redes sociais con imaxes, presentacións e interesantes artigos. os enlaces aos blogs fundadores e asociados atópanse non pé da páxina, e vense complementados coa interesante lista de blogs que aparece na pestana superior enlaces. atópase no posto 33 dentro do top de bitácoras.com

así que xa sabedes, con coidadiño, que vos leo! ;)

7/3/09

[fósiles] inicios das redes sociais


aínda que non o pareza, as arañas somos moi obedientes. vale que moitas veces nos resistimos a ser capturadas e insistimos en metervos sustos, pero á hora de facer o que temos que facer cumprimos sen rechistar. por iso, se os homo sapiens sapiens publicitarios queren que escriba sobre os inicios das redes sociais, fareino. aquí vai esa pequena introdución que esta araña debería ter feito na súa primeira entrada, pero non foi así...

os humanos descoñecedores das redes sociais actuais teñen unha pequena guía sobre elas nesta presentación. nela recóllese unha breve definición e unha clasificación de redes sociais coas súas principais características. pero ben, fagamos algo de historia...

como ben se recolle na wikipedia, as redes sociais teñen a súa base na teoría dos seis graos de separación [si, como na serie, como ben din no blog da novaágoragalega]. en base a esta teoría as relacións humanas estruturaríanse en base á nosa construcción máis célebre: as arañeiras. experimentos, investigacións e estudos tratan de investigar se esta casualidade é posible.

aínda que o seu nacemento data de 1997 coa rede social classmates, podemos dicir que o boom das redes sociais é máis ou menos recente, situando a súa explosión xa en pleno século XXI, exactamente no ano 2003 co nacemento da rede social musical myspace e a profesional xing. Seguiríanlles de perto lastfm, hi5 ou orkut, con máis ou menos igual de éxito.

nos últimos cinco anos o número de usuarios de redes sociais non deixou de aumentar de maneira expoñencial, ao igual que o número de servizos, que se viu aumentado de maneira considerable con multitude de funcións e en diversas manifestacións. aínda que non todo foi crecemento, moitas redes sociais foron quedando polo camiño...

para humanos curiosos que se interesen na historia das redes sociais e que saiban ingles, Danah M. Boyd e Nicole B. Ellison publicaron un interesante artigo no 2007.

imaxe | 2008 Web Trend Map de Information Architects