26/2/09

[ollo ao piollo] a letra pequena


picar humanos é o noso oficio, pero temos uns grandes competidores: os piollos. si, eses pequenos seres microscópicos [para os humanos, claro] sempre están dispostos a fastidiarche o negocio. vós tamén lles tedes algo de manía persecutoria, que nós ben o sabemos. de feito, o nome da sección que vos presento hoxe é un dito popular que todoserhumano sabe.

ás arañas o tema do que vou falar hoxe non nos afecta tanto, pois [obvio!] os nosos órganos visuais son moito máis pequenos ca os vosos. así, para nós a letra pequena é considerada estándar, e a normal [segundo os humanos, claro] parécenos enorme.

é unha práctica superhiperultramegaextendida entre a poboación terrestre a de darlle a aceptar a calquera cousa sen ler os termos de uso ou as condicións do programa ou páxina web. poderíase considerar incluso como deporte nacional. as redes sociais non se libran da letra pequena, e estes días está de actualidade polo cambio das condicións de uso de facebook.

tanto facebook como tuenti recollen nas súas condicións de uso [termos de uso, aviso legal ou derivados] toda información referida ás licenzas e aos posibles usos que lle pode dar a compañía a todo o contido que sube calquera usuario. para evitar sorpresas en calquera rede social ou páxina web, é recomendable ler as enormes parrafadas.

pero as letras pequenas non só están na rede, tamén están nos papéis que vos mandan firmar moitas empresas, especialmente as de telefonía. e con este tema xogou nun spot publicitario a compañía de telefonía móbil yoigo

imaxe | captura do anuncio de yoigo

16/2/09

[criando telarañas] fotolog

á marxe de pasar parte do tempo asustando a algúns humanos, a nosa vida consiste basicamente en facer arañeiras. si, arañeiras, lestes ben. digamos que telaraña está un pouco mal dito en galego. cousas de arañas, que nos levamos mal cos dicionarios.

a nosa nova urbanización témola establecida nas redes sociais, onde xa dispoñemos dunhas cantas arañeiras. hoxe vouvos falar da que denominamos fotolog, situada nese lugar onde milleiros de humanos adolescentes colgaban as súas fotos emo, as fotos dos botellóns e as tremendísimas dedicatorias en datas sinaladas. e digo colgaban porque esta rede xa non é o que era. redes sociais como tuenti ou facebook absorberon e ampliaron a súa principal función, publicar imaxes tomadas polos humanos máis novos, e leváronlles os usuarios!

na súa opción gratuíta e básica, fotolog só deixa subir unha imaxe diaria, na que como máximo poderán comentar vinte usuarios. tuenti, por exemplo, non ten nin límite diario de subida de imaxes nin de comentarios en cada unha delas. aquí é, como din en fullflog, onde se demostra a clara intención lucrativa desta rede social en decadencia: quitar a publicidade e pasar os límites custa diñeiro.

para os humanos interesados nos números, nunha enquisa realizada recentemente en genbeta para saber cal foi a mellor rede social do 2008, fotolog quedou en último lugar cun 4% dos votos.

ai! se ao final as arañas teremos que facer conta en facebook para ver fotos de humanos...!

tecendo

seguindo o formato das entradas da miña querida amiga, a araña das oito patas e todas coxas, este rapaz que vos fala intentará achegarvos dunha maneira amena e divertida ao inmenso mundo das telarañas virtuais: as redes sociais

novas, trucos, consellos, investigacións e conversas tecerán esta pequena telaraña que estades a ler.

lémonos!